Taiwán non é o único sitio onde isto acontece. Hai unha escena do musical West Side Story, onde homes e mulleres de Porto Rico canta e bailan sobre as bondades de vivir en América, sen decatarse de que a illa de onde proveñen tamén é, para ben ou para mal, parte integrante dos USA.
A nivel económico, cultural e social; isto admite debate!
É por iso que o contexto importa moito, incluso nos musicais. Baixarse os pantalóns non ten o mesmo significado cando o fan en Full Monty, que cando o fai Pajares en El Currante, por poñer un exemplo.
Igual que non é o mesmo o blackface de ‘Un cantante de jazz’, que o protagonista de The Commintmets, dicindo: …os irlandeses son os negros de Europa; os dublineses son os negros de Irlanda; os de Dublín Norte son os negros de Dublín.
A frase, neste último caso, conta con contexto e dobre sentido. Por un lado, amosa admiración cultural cara a musica afrodescendente (a peli vai sobre un grupo de Soul). Por outro lado, conecta coa propia historia de Irlanda fóra da illa, en especial en Norte América.
O concepto ‘negros de Europa’ fala sobre a denominación que recibían os irlandeses nos Estados Unidos, asimilándoos cos afroamericanos ou, directamente, acusándoos de mesturarse cos negros: black irish.
Os galegos tamén fumos un pouco ‘black galician’ e, tamén, por partida dobre.
Por un lado están os galegos como o ‘Panchito’ de Castelao, grazas a séculos de conexión con África e con América, e, por outro lado, os galegos de Rosalía, que volvían como ‘negros’ de traballar no campo.´
Dos segundos, hai unha terrible historia acontecida en Cuba. A mediados do século XIX, o político ourensán Urbano Feijoo (ata onde eu sei sen relación co Feixoó actual) tivo unha idea.
A súa idea era sinxela. Levar milleiros de galegos a Cuba para resolver dous problemas simultaneamente: a pobreza galega e a falta de man de obra escrava cubana.
Os dous mil galegos que chegaron foron explotados e sometidos a condicións infrahumanas morrendo case o 20% deles aos poucos meses de arribar. (xa tiñan que ser malas as condicións para matar a unha persoa criada na Galiza do XIX).
A súa idea era sinxela. Levar milleiros de galegos a Cuba para resolver dous problemas simultaneamente: a pobreza galega e a falta de man de obra escrava cubana.
A meirande parte do 80% restante, unha vez liberados, quedaron na illa. Urbano Feijoo, non quedou.
Marchou a Madrid como Deputado, prohome e sen consecuencias nin penais nin sociais.
Hoxe as nosas comunidades, a galega e a irlandesas, converteron a súa historia migratoria e símbolo de resistencia nacional. O termo ‘black irish’ é empregado con orgullo na illa esmeralda e nos EE.UU…
…e os galegos, sen dicilo abertamente, temos certa fachenda da nómina de paises americanos que foron rexidos polos fillos da súa diáspora (Arxentina, Cuba, Bolivia…con maior ou menor fortuna para os países-iso si-). Incluso un rei galego da Amazonía, houbo!!!
En África tamén houbo un rei galego. José Luis Bastos, un vigués que emigrou a Namibia, fundou alí un xigantesco imperio pesqueiro e de safaris. A súa incrible vida de éxito en África inspirou o libro biográfico titulado El rey gallego de África.
É probable que todos debamos volver a África, porque dalí viñemos todos e gústame pensar que aspectos como a hospitalidade galega son trazos conservados das nosas orixes africanas. Por moito que non teña proba algunha.
O que si está comprobado é que os primeiros galegos, como ben demostrou o prehistoriador da Facultade de Historia de Ourense, Eduardo Méndez Quintas, chegaron a Galicia cruzando o estreito, hai máis de 300 mil anos.

Moitos milenios despois, a reconstrución da galega máis antiga, volveu a darnos trazos raciais moi ligados ás migracións dende o Sur.
A pel da Elba (a pastora do Courel) era, claramente, negra. Tamén a nosa pel cultural lle debe moito a África. Senón, fixádevos na música tradicional galega.
Mentres media Galicia buscaba primos en Bretaña, a xenética parece empeñada en atopalos en Tunisia (ou en ámbolos lados). A explicación tamén é fermosa.
Durante moito tempo imaxinouse Galicia como unha esquina perdida do mundo. Unha especie de Fisterra humano onde as novidades chegaban cando xa estaban pasadas de moda. Pero resulta que non.
Os nosos cromosomas levan séculos practicando o multiculturalismo. Incluso, en tempo histórico recente. A Galicia sueva, lonxe de ser un reino de louros xermanos, era un mundo conectado. Especialmente, portos como os de Vigo, auténticos emporios dende onde as elites entraban en contacto con todo o Mediterráneo.

Martín o Dumiense (quen era da actual Hungría e non de Dumio) logrou unir a Igrexa e a monarquía na fe católica e promover unha das épocas máis prósperas de Galicia conectándonos co mundo bizantino oriental e con Terra Santa. Baixo o influxo dos textos relixiosos gregos, Galicia encheuse de eremitas.
Como resultado, o ADN galego é o que máis influencia africana ten en toda a Península (aínda que soe contraintuitivo). A análise do mesmisimo bispo Teodomiro de Iria Flavia, revela unha enorme ascendencia norteafricana.
É que, como contaba Castelao en Cousas:
Tamén Panchito sinteu, como tódolos mozos da aldea, os anceios de emigrar. E unha mañán de moita tristura gabeou polas escaleiras dun trasatlántico.
Nunha rúa da Habana o negro Panchito tropezou cun home da súa aldea e confesoulle saloucando:
—Ai, eu non me afago nesta terra de tanto sol; eu non me afago con esta xente. ¡Eu
morro!
