Para os que non o sabedes, detrás deste blog, estou EU. Eu escrito así en maiúsculos é unha versión desproporcionada do eu que din amigos e familia.

Eu na presentación da Rede Aldear en Vilar de Santos, no 2022

A cousa é que, de facerme tanto o rarito e desproporcionado no meu traballo, parece ser que, ao final, hai xente fóra da miña casa que me quere coñecer; así que o pasado día 07 de agosto do 2026, Óscar Penín Romero, o historiador rarito, foi a falar da constitución de Redes culturais no rural, convidado polo Ministerio de Cultura de España, no marco do Festival Periferias de Cinema en Portugal.

Así que me vin no brete de intentar organizar unha hora e media de información sobre a miña experiencia nas redes culturais.

O difícil de facer iso, é que nas redes eu traballei dende o eu en minúsculo, dende a necesidade persoal de compartir, colaborar e sentirme acompañado no bo número de inquedanzas que me flanquean dende a adolescencia. Un xeito de resistirme a miña condición de fillo único -penso eu-.

Pero, agora preciso explicar os procesos nos que participei, non como parte de min, senón dende unha lóxica máis metodolóxica.

Así que o primeiro obxectivo é saber que partes da miña actividade asociativa correspondía á construción de redes e cales son outra cousa. Como punto de partida epistemolóxico, intuitivamente, entendo que Fuenteovejuna sería rede namentres a Igrexa Católica sería unha entidade.

Así que…en xeral unha rede nace dende o liderado natural, incluso cando non é necesario que se faga presente. Namentres, unha entidade debe atender a unhas regras escritas, chámense estatutos ou dogma.

Estas fórmulas teñen grises, claro…como todo nada vida. O cristianismo foi rede antes de converterse en entidade, por poñer un exemplo.

Así que de todo a miña experiencia militante, se exceptuamos a que ten que ver co movementos como a insubmisión, as mareas ou o reintegracionismo, que obviamente pertencen ao eido do político, concluímos que A Bela Auria ou a Fundación Novoneyra corresponden á orde das entidades.

Presentación do Veraearte 2017

Namentres ES.CU.A, a Comunidade SOPA e a Rede Aldear, corresponde á orde das redes culturais (esta última moi claramente…). Sabendo isto, é máis fácil encontrar un camiño para reflexionar. A conclusión é que…primeiro aparecen as comunidades e despois, se cadra, as institucións.

EsCuA é un bo exemplo de rede que nunca foi entidade. A rede renunciou dende o primeiro momento ás subvencións e abrazou a autoxestión conformando unha comunidade militante.

Foi agregando persoas e colectivos que, simplemente, falaban o mesmo idioma. Os colectivos que conformaron esta rede foron quen de xuntar a miles de usuarias nas súas actividade, enchendo prazas enteiras en torno a un sentido comunitario mediado por valores como a ecoloxía, o feminismo ou o anticonsumismo.

Por iso tamén resultou interesante a súa relación co Concello. O conflito non debilitou a rede; fortaleceuna. Como tantas comunidades ao longo da historia, EsCuA tamén descubriu que ás veces o “nós” nace cando aparece un “eles”.

Quizais esa sexa a primeira lección da creación de redes: as persoas non colaboran porque exista unha asociación. Asócianse porque antes descubriron que compartían unha emoción.

Outra experiencia de traballo en rede, foi a comunidade SOPA.

Ata hai pouco, o patrimonio era un asunto de arqueólogos, historiadores, museos e administracións. SOPA introduce unha idea distinta: o patrimonio existe porque hai comunidades que o viven, o interpretan e o transforman.

A rede emerxe para as actividades. Habitualmente, convocada por Juanjo e Sabah, factotum ambos. Os seus membros recoñécense mutuamente porque valoran os mesmos exemplos, empregan unha linguaxe semellante e comparten unha ética de traballo.

E isto é todo o que comparten, na ‘Comunidade SOPA’ non existe nin tan sequera un whatsapp de coordinación. O colectivo emerxe para as actividades, principalmente, para os Congresos SOPA e os Pre-SOPA.

Con eles aprendín que as redes poden descansar. Son como as constelacións, se me permitides o símil. Aparecen nos proxectos e encontros e cando estes rematan as persoas dispérsanse, non é que desapareza, a rede segue aí (como as estrelas) pero a súa forma é menos perceptible.

Por último,  a Rede Aldear, nace exactamente onde adoitan fracasar as administracións: entre persoas que xa estaban facendo cousas antes de coñecerse.

A súa forza non reside tanto na capacidade económica como na capacidade de producir confianza, a colaboración xa non é unha estratexia: convértese nunha forma de habitar o territorio.

Reunión da Rede Aldear na Casa Quindós dos Ancares

Nos últimos anos, a rede organizou máis dunha ducia de eventos e festivais nas aldeas, evitando os grandes macro-eventos para apostar por unha cooperación descentralizada e sostible.

Pero…Por que unhas redes culturais conseguen manterse durante dez, doce ou incluso vinte anos mentres outras desaparecen aos poucos meses?

Todos coñecemos exemplos. Proxectos que nacen con moitísimo entusiasmo, con reunións, cafés, grupos de WhatsApp, un logotipo fermosísimo, mesmo unha subvención… e, con todo, seis meses despois xa non queda absolutamente nada.

E tamén coñecemos o caso contrario. Redes que nunca tiveron un gran orzamento, que apenas aparecen nos medios de comunicación e que, con todo, continúan vivas despois de moitos anos.

Durante moito tempo pensei que a diferenza estaba na organización. Cría que unhas persoas eran mellores xestoras que outras. Que había asociacións mellor dirixidas. Que a clave estaba nos estatutos, no financiamento ou na capacidade de liderado.

Hoxe xa non penso iso. Despois de case vinte anos traballando no eido da cultura rural, creo que a verdadeira diferenza está noutro lugar moito máis difícil de observar. Está nas persoas.

Porque as redes, igual que as persoas, tamén teñen carácter. Tamén teñen emocións. E quizais, só quizais, comprender esas emocións sexa moito máis importante que aprender a redactar uns estatutos.

Como organizar a realidade en base as emocións?

A realidade é sempre máis rica que calquera clasificación. Pero tamén é verdade que sen categorías resulta case imposíbel comprender fenómenos complexos.

Cando un arqueólogo atopa centos de fragmentos de cerámica, o primeiro que fai non é interpretalos. Primeiro ordénaos. Agrúpaos. Busca semellanzas. Detecta diferenzas. Só despois comeza a comprender que ten diante.

Coas redes ocorre exactamente o mesmo. Non podemos decidir cal é a mellor maneira de nos organizarmos se antes non sabemos que tipos de redes existen.

Do mesmo xeito, limitar a tipoloxía das redes a miña experiencia persoal, sería petulante. Que é como son as cousas pedantes cando ademais son infantís.

Así que intentei facer unha táboa coas tipoloxías de redes e deu como resultado 4 modelos de redes principais:

Tipo de RedeDescriciónVantaxesRiscos
Rede InstitucionalizadaConstitución legal, normas ríxidas, cotas, xerarquía formalEstabilidade, durabilidade, capacidade para xestionar fondosBurocracia, perda de axilidade, afastamento da base
Rede ExtitucionalMúltiples actores con identidades propias, unidos por obxectivos e prácticas comúnsFlexibilidade, autonomía, aprendizaxe mutuaDificultade de gobernanza, dependencia do compromiso individual
Rede de CarismaUn grupo ou persoa central actúa como “comisario” que dinamiza e coordinaEficiencia, mobilización rápida, identidade forteDependencia da persoa carismática, burnout, pouca democracia
Rede HíbridaCombina elementos de varias estruturasAdaptabilidade, capacidade de responder a diferentes necesidadesComplexidade de gobernanza, risco de contradicións internas

A verdadeira cuestión que subxace tras este esforzo de sistematización e poder poñer negro sobre branco as posibilidades, para simplificar a elección.

Cada Rede terá unhas vantaxes e inconvintes para o teu proxecto e algo que no se pode saber ante ou post. O tipo de rede é unha decisión concomitante que pode facer avanzar ou naufragar o teu proxecto.

Entón, cal sería o verdadeiro poder que permite unha colaboración de 12 anos como ES.CU.A, internacional como SOPA ou de impacto como a Rede Aldear? Ao igual que Roma non naceu sendo a Roma que todos temos na cabeza e o capitalista non naceu turbo. Os proxectos non nacen dun Powerpoint, nin dunha subvención. Nin sequera dunha boa idea.

O proxecto nace dos tempos e das lóxicas da comunidade, lóxicas que requiren atención e sistematización.

Non existe unha única forma de vivir un territorio. Un artista, un hostaleiro, un arqueólogo ou un gandeiro poden amar a mesma aldea e, con todo, emocionarse por razóns completamente distintas.

Un investigador busca comprender. Un hostaleiro quere que pase xente pola porta. Un creador necesita atopar beleza onde os demais só ven rutina. Quen leva anos resistindo nunha aldea abandonada non busca beleza nin turistas. Busca sobrevivir. Todos viven no mesmo lugar. Pero habitan emocións diferentes.

E a través desta diversidade de proxectos e ideas, unha vez más, chegamos á necesidade de establecer categorías.

A caracterización do outro é sempre un primeiro paso para coñecelo. Ou dito doutra maneira, comezamos a coñecer dende a nosa experiencia persoal.

Espazo ArtísticoDeseñado por e para a creación de arte. Neste grupo, tamén habería un subgrupo para os espazos dedicados a figuras artísticas de renome (normalmente xa desaparecidas) como fundacións literarias, de pintores ou outras profesión creativas.
Espazo EmpresarialEspazo onde a actividade económica e o mantemento económico é o principal. Habitualmente de tipo hostaleiro.
Espazo SurvivorMotivada por algunha das crises multicapa que sufrimos. Aquí entraría tipoloxías como os ecoloxistas, os decrecentistas, os espirituais, os refuxios de minorías.
Espazo CientíficoProxectos desenvoltos en torno a reflexión científica. Especialmente en ciencias como a arqueoloxía ou a arquitectura.
Espazos híbridoOs espazo non son caixas estancas, o normal é que teñan matices dun e doutro. Cando o proxectos conta cun equilibro de motivacións, sería un proxecto híbrido.

Describir e ordenar quén e con qué queremos montar unha rede, permite asegurarnos de tomar as decisións más correctas.

Por exemplo, se constitúes unha Rede Institucional se a maioría dos teus socios son Espazos do Tipo Survivor, está rede non terá ningún percorrido.

 verba viva Cinema Palleiriso. Autor descoñecido. Fonte: Wikimedia Commons (https://commons.wikimedia.org/wiki/File:A_verba_viva_Cinema_Palleiriso.jpg). Licenza: CC BY-SA 4.0.

Agora ben, isto é máis complexo que unir con frechas tipos de Redes e tipos de Espazos. A colaboración e a visión compartida xorden de rituais de interacción e dunha efervescencia colectiva que canaliza as emocións cara á acción colectiva.

A historiadora Barbara H. Rosenwein, experta en historia das emocións, acuñou o concepto de “comunidades emocionais”. A súa tese central é que as emocións non son só experiencias privadas, senón que están modeladas polas culturas e polos contextos sociais. Estas comunidades constitúen sistemas de sentimentos nos que as persoas aprenden a valorar, expresar e xestionar as súas emocións de maneira compartida.

…as emocións non son só experiencias privadas, senón que están modeladas polas culturas e polos contextos sociais.

Estas teoría levou a unha organización das emocións entre biolóxicas e autoconscientes.

As emocións biolóxicas como o medo, o enfado, o noxo e a sorpresa están máis ligadas á amígdala e ao sistema límbico, responsables das respostas rápidas de supervivencia.

As emocións autoconcientes, como o amor, a compaixón, a admiración, o abraio ou a decepción, dependen en maior medida do córtex prefrontal e doutras áreas corticais. O desenvolvemento da autoconciencia permite transformar e modular as emocións primarias, xerando emocións sociais e culturais máis complexas.

A empatía, a motivación e o control emocional xorden da interacción entre os circuítos emocionais límbicos e os sistemas executivos do lóbulo prefrontal.

No binomio que conforman o corpo e a emoción resoan posibilidades para o colectivo, que parte coñecemento profundo destas. Pero estas son amplas e complexas, pode haber tantas emocións como persoas.

Esta amplitude non implica que, dende a ciencia, non teña habido intentos de sistematización das emocións e categorías xerais :

Da alegría: amor, pracer, diversión, euforia, entusiasmo e gratificación.

Do noxo: repugnancia, rexeitamento, antipatía, desgusto e desprezo.

Do enfado: cólera, rancor, odio, irritabilidade, rabia e impotencia.

Do medo: angustia, desacougo, incerteza, preocupación, horror e nerviosismo.

Da sorpresa: desconcerto, sobresalto, admiración e abraio.

Da tristura: pena, soidade, pesimismo, compaixón e decepción.

[Rivera Arrizabalaga, Ángel (2015). «La evolución de las emociones humanas». Vínculos de Historia, 4, 38–58.]

Para aplicar todo este rango emocional humano, á organización de grupos e colectivos como son as redes, precisamos entender que un corpo colectivo é complexo pero ten uns patróns que podemos identificar.

Desde a psicoloxía e a socioloxía das emocións, autores como Barbara H. Rosenwein, Randall Collins ou James M. Jasper sosteñen que os grupos desenvolven culturas e patróns emocionais compartidos que condicionan a súa identidade e a súa acción colectiva..

As redes en tanto comunidades emocionais. desenvolven normas compartidas sobre que emocións son lexítimas, como se expresan e cales son valoradas. Isto permite afirmar que distintos colectivos tenden a construír “climas emocionais” diferentes.

Unha receita para facer rede

A idea sería que as emocións primarias dan lugar ás emocións secundarias e estas maniféstanse en comportamentos observables (discursos, símbolos, rituais, formas de colaboración ou conflito).

Cada tipo de organización tende a configurar un réxime ou clima emocional propio. Nun proxecto artístico adoitan adquirir maior relevancia emocións como a alegría, a admiración ou o abraio; nos movementos contestatarios predominan con frecuencia a indignación, o medo ou o noxo como motores da mobilización; nas organizacións empresariais son habituais emocións asociadas á incerteza, á presión e á expectativa; mentres que nos ámbitos científicos adoita ocupar un lugar central o abraio e a curiosidade. Estes patróns non son universais nin exclusivos, pero expresan culturas emocionais diferentes.

A partir do punto no que contamos con tipos de redes (Rede Institucionalizada, Rede Extitucional, Rede de Carisma, Rede Híbrida), tipos de espazos (Espazo Artístico, Espazo Empresarial, Espazo Survivor, Espazo Científico, Espazos híbrido) e emocións predominantes (alegría, noxo, enfado, medo, sorpresa e tristura) contamos con 3 vectores que nos permiten saber onde está a noso territorio en canto á organizar unha rede.

Cando levamos esta idea ao territorio, temos que saber que é imposible contar cun coñecemento fondo de todos os actores que poden ser susceptibles de facer parte dunha rede, por moi profundo que sexa o coñecemento que temos deste territorio.

Por iso, hai que sistematizar na medida do posible a nosa acción. Coas iniciativas colectivas e/ou públicas é relativamente sinxelo. Podemos asociar cada iniciativa analizando as novas online e as RR.SS cun tipo de espazo e, con bastante certeza, saber cal é a emoción con máis peso. Pero cos actores particulares ou non funciona ou non é recomendable facelo. Tamén porque é o coñecemento de RR.SS soe estar máis inclinado cara dar unha determiada imaxe pública, namentrés a interacción persoal por medio doutras ferramentas soe lograr un coñecemento máis íntimo.

Por iso, eu sempre recomendo os seguintes pasos.

Identificar os espazos presentes no territorio e clasificalos segundo a tipoloxía: Artístico, Empresarial, Survivor, Científico, Híbrido.

Paso 2: Diagnóstico Emocional

A través do DAFO Emocional (cuestionario, dinámicas de grupo, entrevistas, paseos Jane, derivas), identificar as emocións predominante en cada actor e no territorio no seu conxunto.

Tamén son moi útiles os paneis de diagnóstico ou o uso de tecnoloxías IA de análise semántico como Trace Scope ou English Corpora. Para modelos menos afinados tamén sirven Chatgpt ou Claude.

Paso 3: Cruzamento

Aplicar a matriz de correspondencia para cada actor e para o territorio global (pódese facer con Excell). Isto xera un mapa de recomendacións. E, efectivamente, danos unha situación emocional ideal para propiciar a colaboración.

Unha predominancia das emocións positivas, en especial as relacionadas coa ledicia, cunha dose xusta de emocións negativas que impulsen a necesidade da cooperación e o salto do individual ao colectivo.

Un diagrama en forma de PUNTA DE FRECHA.

Pero ollo, que sexa un estado emocional ideal para a creación de redes, non implica que sexa o estado ideal para o seu mantemento.

Aplicando a receita

A chispa que se precisa para crear unha Rede é pequena. A admiración por algún dos promotores, unha convocatoria de subvencións para redes, unha situación de pandemia…..

Por iso o primeiro erro que se soe cometer, impulsado por esa primeira forza, é que diferentes socios decidan ao pouco institucionalizar a súa rede e acudir ás institucións por apoio.

Cando iso só é unha boa idea en determinados casos e tras un percorrido de traballo que o aconselle. Non hai peor inimigo para a unha semente que acaba de xermolar que o exceso de rego.

O normal é atoparse cun motivo circunstancia e cunha motivación pouco sopesada ou peor….demasiado financiamento.

Neste escenario é cando todo os dito con anterioridade cobra sentido. Analizar o réxime emociona ten a utilidade de dicirnos en que momento nos atopamos cada un dos socios e, por tanto, cal será a mellor estratexia para constituír a nosa rede.

Tipos de espazoEmoción preeminenteTipo de RedeDescrición
Prevalencia de proxectos empresariais consolidados aínda que sexan artísticos, ecolóxicos ou políticosA alegríaRede InstitucionalizadaConstitución legal, normas ríxidas, cotas, xerarquía formal
Prevalencia de proxectos con fonda carga política aínda que sexan empresariais ou artísticosO medo e a tristuraRede ExtitucionalMúltiples actores con identidades propias, unidos por obxectivos e prácticas comúns
Prevalencia de proxectos artísticos sempre que non teñan moi consolidadas estruturas empresariaisA sorpresaRede de CarismaUn grupo ou persoa central actúa como “comisario” que dinamiza e coordina
Todos, en determinadas circunstancias (case que todas as redes son híbridas en maior ou menor medidaNormalmente, relacionadas cunha impronta importante das emocións secundarias.Rede HíbridaCombina elementos de varias estruturas

Conclusións

Durante moitos anos pensamos que o obxectivo era construír organizacións. Hoxe creo que o obxectivo debería ser outro.

Construír comunidades capaces de soster organizacións. A diferenza parece pequena. Pero cambia completamente a perspectiva. Porque as organizacións poden desaparecer. Poden cambiar de nome. Fusionarse. Transformarse. Mesmo disolverse. Porén, cando unha comunidade permanece, sempre existe a posibilidade de volver comezar.

As relacións seguen aí. A confianza continúa existindo. A memoria compartida permanece. E, tarde ou cedo, aparecerá unha nova forma de colaboración.

Pero…Por que unhas redes sobreviven e outras desaparecen?

Despois de todo este percorrido creo que a miña resposta sería moi distinta da que daría hai uns anos.

Antes falaría de financiamento. De liderado. De estratexia. Hoxe sigo pensando que todo iso importa. Pero xa non creo que sexa o esencial. As redes sobreviven cando conseguen xerar unha comunidade.

E unha comunidade sobrevive cando as persoas senten que forman parte dunha historia común. Porque colaborar non consiste unicamente en compartir tarefas. Consiste, sobre todo, en compartir significados. Compartir recordos. Compartir expectativas. E, finalmente… compartir emocións.

Quizais por iso as mellores redes non son aquelas que teñen os estatutos máis perfectos. Nin as que conseguen máis subvencións. Nin sequera as que organizan máis actividades.

As mellores redes son aquelas que conseguen que os seus membros sintan que ese proxecto tamén lles pertence. E cando iso ocorre… a colaboración deixa de ser unha obriga. Convértese en algo natural.

Xantando no festival PeDRa’22

De Fuenteovejuna aos nosos días. A creación de redes culturais no rural.
NEWSLETTER Ruralisto
Se che gusta o contido que acabas de ler e queres apoiar o proxecto, introduce o teu mail e chegaranche ao correo todas a actualizacións desta web (artigos, vídeos, proxectos, formación de balde)

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentemento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, prema o enlace para maior información.plugin cookies

Este sitio web usa cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentemiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pulse el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies