Presentamos o territorio no que se celebrará esta duodécima edición de SOPA , moi próxima á que acolleu o congreso en 2014, Celanova, na provincia de Ourense [Galicia, España].

As Serras Meridionais de Galicia localízanse no suroeste da Provincia de Ourense. Nesta edición do SOPA queremos visitar unha auténtica montaña máxica. Un territorio de fronteira, Reserva da Biosfera da UNESCO, que se extende polos concellos de Muíños, Os Blancos, Calvos de Randín e Baltar seguindo a fronteira con Portugal e conta con varios dos patrimonios convervados máis importantes de Galicia e, tamén, de Europa.

A fronteira que non divide

O sur de Galicia e o norte de Portugal

O Val do Salas tamén coñecido como Val da Morte

Comezando polo Val da Morte, a meirande agrupación de enterramentos dolménicos de Europa. En torno, a media centena de exemplos nun dos vales máis fermosos de Galicia. Un paraíso para nadar, camiñar acompañado dunha espiritualidade antiga.

Como antigo tamén é o oratorio e a necrópole paleocristiá de Ouvigo (Os Blancos), o lugar de nacemento do cristianismo en Galicia, construído no final do Imperio Romano e habitado durante toda a Idade Media sendo o espazo central dunha paisaxe fortificada de castelos e torres, froito da súa posición de fronteira. Unha condición que lle achega valor e que, lonxe de dividir, permite unir en poucos kilómetros a gastronomía, historia, natureza, a cultura e o atractivo de dous países.

Ou máis ben de tres!!

Entre Galicia e Portugal, sobreviviu case 1.000 anos a antigua república do Couto Mixto, a Andorra galega. Foi independente, republicana e democrática ata a súa disolución por parte de España e Portugal, hai agora algo máis de século e medio.

A montaña máxica, da Raíña Loba, da Raia Seca e de Gomariz é un espazo de fronteira onde se une patrimonio, tradición, espiritualidade e prácticas democráticas ancestrais.

Por iso, é o lugar ideal para o SOPA’24.