A semana pasada contábamos como a nave Artemís volveu da visitar a lúa e regresou sen complicacións ou, polo menos, sen complicacións que mereza a pena sinalar. Nisto, foi moito mellor que a primeira expedición bautizada co nome do seu irmao xémeo.

O lume do Apollo 1 en 1967 calcinou a cápsula na plataforma de lanzamento, matando os tres astronautas nun ensaio por culpa do osíxeno puro e unha escotilla que non podía abrirse.
Outro drama da exploración espacial foi cando Katy Perry estivo 11 minutos nun foguete e 5 deles cantando. Que conste que a min a cantante non me desgusta, pero creo que se empregas nomes como Apollo ou Artemis, para dotar de épica a exploración espacial, despois non podes sacar a Katy Perry pola escotilla, igual que non podes pinchar os Carmina Burana en Pachá
….ademais, o atributo mais destacado de Artemís era ser a deusa virxe, así que en todo caso, habería que levar á Brtiney de ‘Ups I did it again’.
Que cousas, a que lle caera a pobre rapaza por dicir que era virxe. Hoxe as cousas son distintas (están moito peor para os promiscuos…especialmente se son mulleres). Non pasa nada por dicir que non queres follar porque es asexual, porque estás centrado noutras cuestións porque precisas contar con lazos fondos; a carta e ampla de motivos é acepta de bo grado pola sociedade
…incluso hai movemento de nome NoFap que anima os seus seguidores a non masturbarse ou a non manter sexo durante longas tempadas, a cambio de promesas de éxito financeiro e/ou social. Que digo eu, que se non ter sexo ofrecese tales oportunidades, todos os adolescentes do mundo estarían forrados.
Quizais a idea de abstinencia-diñeiro veña de que os boomers viviron nunha sociedade represiva coa sexualidade e, hoxe, contan cunha situación acomodada. Non o sei, o que si sei é que tamén hai casos do contrario.

Na China, despois da derrota nas Guerras do Opio, tamén houbo lugar para estas prácticas de abstinencia. Seino porque o lin para a miña exposición MADE IN CHINA, pero no seu momento non o considerei adecuado para ocupar panel propio (polo que sexa….).
Os Boxers da China desenvolveran hai máis de cen anos, unha cultura masculina de auto-disciplina física como resposta a unha sensación de humillación civilizatoria (como Llados pero sen Lambo) nun marco de nacionalismo e xenofobia (como Roberto Vaquero) que remataría co intento de toma do barrio das embaixadas de Pekín, frustrado por unha alianza de 8 nacións.
A batalla foi en 1900 e hai fotos, por iso sabemos que os membros do movemento Boxer estaban bastante cachas e, sen embargo, os soldados con armas occidentais que non tiñan nin media hostia, arrasaron con eles.
Da vitoria aliada da conta ’55 días en Pequín’ que foi filmada en Madrid…unha das capitais criptobro internacionais actuais, por certo.
É que, cando as cousas se poñen serias non vale de nada poñerse a facer burpees. Nin as masculinidades fortes son provedoras de tempos fáciles nin as masculinidade de ningún tipo crean tempos febles. O único que crea benestar é a innovación, a intelixencia, a comunidade e o ‘traballo duru’. É máis, dime do que presumes e direiche do que careces.
Nos mesmo anos que China perdeu a súa posición de imperio, o Xapón tamén foi derrotado e humillado, pero a diferencia do imperio sínico, decidiu abrirse ao mundo no que se coñeceu como a Revolución Meiji e, ao pouco, era capaz de competir coas potencias occidentais.
Hoxe, o medo mudou de bando (que dicían hai 15 anos nas prazas). Probablemente, os ‘masivos’ sexan un síntoma de decadencia de occidente tan claro como Trump sentado como un coitado á mesa con Xi Jinping. Ao fin, en democracia pódense mudar os presidentes cando non funcionan…pero é máis difícil modificar o espírito do tempo.
Os boxers e os bros son síntomas de sociedades decadentes e a proba vivinte de que, con permiso do que poida dicir a ciencia no futuro, exacular con liberdade ten máis beneficios que gardar o seme.

