ISTO ALGÚN DÍA TAMÉN CAERÁ E HABERÁ QUE BUSCAR ONDE VIVIR. Hai unhas semanas, a humanidade percorremos de novo o camiño cara o noso satélite con máis solera (si, solera 😉), a lúa.

Imaxe da outra lúa da Terra. NASA

Cos satélites da Terra pasa como cos fillos (aínda que se diga o contrario), sempre hai un preferido, no meu caso sería o Kamoʻoalewa. Tamén coñecido como o pequeno, xa que leva menos de cen anos connosco e mide menos de 100 m de diámetro. Kamoʻoalewa dinlle nos Estados Unidos, aquí eu propoño lanzar unha consulta nacional para que lle chamemos Satélite Xabarín…aí queda a idea!!!

O caso é que os astronautas da Artemís tiveron que subir ata a cara oculta da lúa e ían cagados. Había un montón de tempo que a humanidade non lograban pasar do T-0, ese momento crítico no que o foguete debe controlar as vibracións da ignición ou rematará por estourar. Isto coñécese como ‘momento Pogo’ (efectivamente, daquí ven o nome de bailar diante dos concertos de Punk)

Os antecedentes eran pouco motivadores: Falcon 9 v1.1 (2015, SpaceX), Falcon 9 Block 3 (2016, SpaceX), Starship SN4 (2020, SpaceX), Starship SN8 (2020, SpaceX), Starship SN9 (2021, SpaceX), Starship SN10 (2021, SpaceX), Starship SN11 (2021, SpaceX), Starship SN15 (2025, SpaceX), Spectrum (2025, Isar Aerospace), Kairos (2024, Space One), Kairos (2025, Space One), SpaceLoft XL (2023, UP Aerospace) EXPLOTARON TODOS NA FASE T-0

12 fracasos seguidos sen conseguir levantar un palmo do chao. Que ata dan gañas de pasarlle o teléfono do fogueteiro do meu pobo, que non falla un.

A cousa é que, igual que sempre se pode perder un dedo cos foguetes da festa…os astronautas tiñan medo de perder bastante máis. Así que ata que a cousa comezou a carburar, ninguén sabía como ía ir o asunto.

Efectivamente, á NASA gastóuselle a intelixencia despois de non usala (ao revés do amor de La Jurado) e non queda ningún enxeñeiro capaz de discernir se un motor funciona ben ou non por como soa, dito así para entendernos. Isto ten un nome: perda de capacidade institucional.

Un pensa que por poder editar vídeo no computador xa estamos nunha época utópica, ata que nos decatamos que poderían haber milleiros de sitios onde non funcionasen os motores de combustión, supervisados por xente que non sabe como soa un motor que funciona mal.

Alguén máis positivo co futuro tecnolóxico, como o meu amigo Emilio, podería argumentar que tan só é un sector moi especializado e que estamos indo cara un brillante porvir. E non lle faltaría razón, tan só é que eu son historiador e non futurólogo. Por iso, para estas cuestión hai que buscar inspiración nos ‘grandes’.

Para min, que os enxeñeiros da NASA non sexan quen de repetir con facilidade procedementos de hai 50 anos é un síntoma do que Asimov definía como a ‘comodidade decadente’ de Solaria. 50 anos pode parecer moito, pero o reino nubio de Alwa, pasou en menos de 200 anos (entre o século XVI e o XVIII) de escribir grego e erguer catedrais, a mesmo esquecer a memoria de ter sido cristiáns.

Fotografía steroscópica de Mosteiro de Montederramo con chozos no interior. MusarqOurense

Parece mentira, pero é posible que os avós pasen os domingos no Paco Paz, por poñer un exemplo, e que os netos constrúan cabanas detro del. Casos sobran, no ano 400, algún dos coliseos que erguera o imperio Romano atopábanse ocupados por vivendas; máis ou menos como o auditorio de Ourense se volve a gañar o Jácome.

É que nunha sociedade como a nosa, non é fácil poder ter os coñecementos para facer unha casa, aínda que sexa humilde. Coñecementos que si tiña o meu avó, por certo, e que se perderon en tan só unha xeración. Os colapsos amosan ben as claras os patróns básicos da humanidade. Por exemplo, as vivendas que se construían na idade do bronce tiñan moitos parecidos coas que se construíron anos despois nas comunidades rurais altomedievais.

As cabanas contemporáneas e tradicionais dos Massai, son igualiñas ás que se construían hai 4 mil anos no sur de Lugo, por poñer un exemplo. E estas últimas, parécense máis as vivendas altomedievais, que ás casas de pedra dos castros de cambio de era.

Longhouse medieval. https://arqarqt.revistas.csic.es/index.php/arqarqt/article/download/213/327?inline=1

Así que, non é difícil darse conta de que se calquera de nós tivese que facer unha casa, o horizonte tecnolóxico que podería alcanzar (con paciencia e esmero) sería moi parecido á idade do bronce ou da época medieval. Facer uns buratos e inserirlles uns poste no xabre (pedra branda que está baixo a terra orgániaca, negra e húmida), pechar os postes cun enramado e facerlle un teito de xestas ou palla…un colmo de toda a vida.

Eu non creo en ser alarmista, pero tamén creo que ninguén está libre de colapsar. Así que, por se o comercio mundial se interrompe abruptamente e as guerras polos recursos se agudizan, ofrézovos a definitiva lista de preparación apocalíptica.

Colapso civilizatorio??? A min que!!!….tier list de consellos básicos para a supervivencia individual

Se unha persoa tivese que pasar do tik tok a facer a súa propia casa, invariablemente, chegaría a un destes modelo de vivenda…o mesmo que no festival de Ortigueira: ou iglú ou canadiense. Cabanas circulares cos postes nos laterais en forma de círculo ou rectágulo ou cabanas cos postes no medio con planta rectangular. Para estas seguro, aquí o importante, como nas redes sociais, non é o que se fai senón onde se fai.

Se non sabes, como é o meu caso, retellar ou construír nin unha casa, mellor que non vaias a vivir ao despacho do presidente da Deputación de Ourense, por poñer un exemplo (por moito boa idea que pareza). En menos de 10 anos pode estar completamente inhabitable. Os mesmo consello dou para ir vivir o rural aínda que non aconteza colapso ningún!!!!

Na caída do imperio Romano, os lugares predilectos era os anfiteatros, como o de Londres ou o de Nantes. Altas murallas perimetrais sen erguer unha soa pedra e imposibilidade de que che caia o teito enriba. Hoxe o equivalente sería ir vivir ao Berbabeu…se vives nunha cidade pequena coma min, tamén vale o campo local, sempre que a herba non sexa artificial…vas precisar sementar. Como alternativa tamén valen os patios de mosteiros, igrexas ou pazos.

Non vivas nos edificios das cidades. Malos de manter e difíciles de defender. Na Roma en decadencia, os edificios de varios pisos ou insulae ardía diariamente, contribuíndo ao abandono da cidade eterna. Así que, se prefires non aprender a disparar ou montar unha churrascada, outra alternativa sempre é reaproveitar o traballo doutros.

Castros e outros asentamentos similares (mellor da idade do Bronce que da idade do Ferro porque teñen menos pedra que mover) sempre foron suxeito de reaproveitamento. Teñen unha segunda vida no medievo e tamén foron reaproveitados polos carlistas e a guerrilla antifranquista. Ben poderían valernos para o colapso que se aveciña.

Se todo está en calma, unha casa dun só andar, con auga preto e nun terreo o máis chairo posible será a mellor opción. Ten conta que non vale calquera, o ideal é que sexa unha paisaxe protexida e con boa visibilidade da contorno. Pode estar en calma pero vas ter que protexer a túa comida. De feito, se tes a posibilidade de ter unha igrexa ou un castelo na túa contorna, non vivas aí, pero vai ata alí e escava un burato o máis fondo posible nel para empregar como silo de almacenamento. Sempre será mellor caixa forte que unha palloza.

Se nada desto te convence, a única alternativa que che podo ofrecer é ir vivir a China. A chinesa é a única cultura que non ten sofrido colapsos definitivos a pesar de ter sido gobernada varias veces por poboación non-sínicas. A historia da China é a dun só imperio con diferentes dinastías. A de Europa, a de múltiples imperios nun constate colapsar e renacer.

Efectivamente, os chineses tamén nisto nos levan vantaxe. Se queres saber o motivo, a miña exposición MADE IN CHINA, colapsa no vindeiro mes….NON A PERDAS!!!

Vista interior do Coliseo, por Christoffer Wilhelm Eckersberg (1815-1816). Dominio público.

ISTO ALGÚN DÍA TAMÉN CAERÁ
NEWSLETTER Ruralisto

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentemento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, prema o enlace para maior información.plugin cookies

Este sitio web usa cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentemiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pulse el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies