De tanto en tanto, os historiadores decatámonos de que alguén lle está a dar uso contemporáneo a esos palabros que memorizamos na carreira. Therianismo foi unha desas cousas que se me quedaron na memoria (xunto a hierático, veladura, apotropaico e algunha máis…).
Así que non é que chegue tarde á polémica ao escribir isto…é a polémica a que tardou en darme a oportunidade para facelo sen quedar como un petulante.
Todo comeza hai menos dun mes na casa da miña nai. Acendo a televisión, (fallo meu, seino…) e atópome unha imaxe da fonte do parque de san Lázaro de Ourense ateigada de señoras maiores esperando a que viñeran uns nenos e nenas disfrazados de animais. E pareceume o peor que aconteceu nese parque nos últimos 50 anos…e iso que eu era amigo do Pequeno, e puxéramos o listón moi alto, se de animaladas falamos.
Son dos que pensa que postos a criticar os hábitos doutra persoa, sempre é mellor crer ser un gato que ser un fascista, por exemplo. A caso, a Trinidade (como o lobishome, o berserkir ou o nagual) non representa unha identidade humano-animal sagrada ou sobrenatural, fóra da patoloxía, dentro do mito e do ritual?

Que toda esta historia chame a atención na praza maior de Madrid, onde a mitoloxía máis relevante que se pode citar…consiste no café con leite da Ana Botella, podo entendelo. Pero en Ourense, coa nosa riquísima tradición en torno a vivencia da identificación cun animal, faime sentir unha mestura de decepción e tristura.
No parque de san Lázaro, ademais da dignidade dalgún e dalgunha, morreron 40 mil anos de historia de Europa. Dende o Home-León do Paleolítico Superior ata os últimos días de Romasanta, pasados no cárcere do Progreso, por certo.
Ao final, o que aquí acontece é que somos unha sociedade que perdeu a capacidade de asombro e o asombro interpela a nosa insignificancia e nos lembra que formamos parte de algo moito máis grande que as nosas preocupacións inmediatas. O asombro ten vantaxes evolutivas, empúxanos a cooperar e así nos vai.
Desapareceron os lobisomes e en Ourense xa non somos quen de colaborar. Agora, imos rir na súa puta cara.
