
Comecei este 2026 coa miña tese, así que estou, paralelamente, aprendendo a ser pai e a ser historiador. Aínda que non parecen actividades que teñan moito en común, na miña cabeza todo se conecta a través dunha certa militancia coa vida. Con esta idea, a tese sería como un recurso literario para enriquecer a trama principal, que é coidar do T.

Ser templo en ruínas. Autor: Negralente
O outro día entereime que, na literatura, isto se chama Relato do Abismo, e pareceume moi acaído. Non porque pense que a miña tese me vai levar as ‘montañas da loucura’. Máis ben, porque o meu xeito de entender a miña profesión provén, precisamente, dunha personaxe ficcionada que sae noutro relato do abismo, concretamente en ‘As invasións bárbaras’ (unha película canadiana do 2003 marabillosamente triste e divertida a un tempo!!) que emprega unha estevista a un historiador que sae na TV, para conectar As invasións bárbaras coa súa antecesora A caída do Imperio Americano.
Alain Lussier (así se chama o meu historiador inventado de referencia), nunha brevísima intervención, compara o ataque do 11/S coas invasións bárbaras ao imperio Romano. Uns 30” que conformaron o meu pensamento profesional tanto como toda o periplo formativo na Universidade. Dende o 2003 son crente-practicante de que a historia se repite (como farsa, que diría Marx).
Máis de 20 anos despois eu escollo o título ‘As invasións bárbaras’ para da forma a este diario de reflexión e en homenaxe a un historiador que nunca existiu. Tócame un tempo que me asusta profundamente; dáme pánico que T vai vivir nun mundo no que se apaguen as luces da ilustración e onde triunfan os movementos políticos que se agrupan baixo o paraugas da Ilustración Escura, un concepto político aterrador.
A Ilustración Escura ten tanto que ver coa Ilustración como un beixo escuro ten que ver cun beixo. Tampouco teñen que ver o anarquismo co anarcocapitalismo, aínda que poida parecelo e ambas ideoloxías se preparen para o colapso do mundo tal e como o coñecemos.

Por iso escollín a caída do imperio Romano como ámbito temporal de estudo. O nome da miña tese é Occulta conventicula (asemblea oculta).
Eu sei que o final do Imperio xerou unha nova organización territorial, unha cultura material orientada ao autoconsumo e unha espiritualidade máis heterodoxa….pero non sei se foron felices a través desa orde natural asemblearia e colaborativa da que fala Kropotkin.
Así que, basicamente, quero estudar como conseguir ser feliz! e facer feliz a vida de T!!
